Thursday 28 de March de 2024

A XXIII Carreira Nocturna de Noia agarda reunir este sábado a máis de 700 corredores en homenaxe a Manolo Paz Suárez


 

As inscricións está abertas ata as 23:59 horas do xoves 29 de agosto en www.emesports.es

O Concello de Noia, en colaboración co Club Atletismo Noia (CAN), organizan este sábado 31 de agosto a XXIII Carreira Nocturna Pedestre Popular, na que agardan reunir a máis de 700 corredores. Unha proba de 8 km que forma parte do VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e que se desenvolverá baixo o control técnico da Delegación de Santiago da Federación Galega de Atletismo. As inscricións están abertas a través da web www.emesports.es ata as 23:59 horas do xoves 29 de agosto, a un prezo de 6 euros para a proba de adultos e gratuítas para as probas escolares.

Na carreira deste ano renderase homenaxe a Manolo Paz Suárez (Noia, 1933) que aos seus 86 anos vén de gañar as probas dos 200 e 400 metros no Campionato de España Máster, celebrado en Sagunto. “O seu obxectivo é ir a Venecia e participar nos Campionatos de Europa Máster, que terán lugar do 9 ao 12 de setembro e para o que lle desexamos toda a sorte”, apuntou a concelleira de Deportes, Laura Salgado, durante a presentación da proba. Salgado animou á participación xa que “é unha oportunidade de dar a coñecer o encanto do casco histórico e lugares moi emblemáticos, ademais de dinamizar o comercio e a hostalería de Noia, polo que convidamos a todos a participar ou a achegarse a animar aos participantes”.

Un punto no que incidiu, Alberto Pérez, tesoureiro do Club Atletismo Noia, quen destacou que “estamos nos 350 inscritos, pero quedan dous días nos que o número de anotados dispararase”, destacando que “son dúas voltas a un circuíto moi suave e moi atractivo, na súa maioría polo casco histórico de Noia, que de noite é unha preciosidade”. Pérez agradeceu a colaboración do Concello de Noia, lembrando que se trata dunha das probas máis antigas de Galicia, pois as súas orixes datan do 1978, pero que “houbo uns 20 anos nos que non se fixo, polo que agradecemos que se volva apostar por ela”.

Finalmente, Ezequiel Mosquera, xerente de Eme Sports, apuntou que “as carreiras nocturnas e en verán teñen unha maxia especial, son menos competitivas e moito máis festivas”. Así, destacou que a saída e meta teñan sede na Alameda, “que sempre está chea de xente e iso ao atleta encántalle, que pareza que esteas no Tour de Francia con todos animando. Ademais, o casco histórico de Noia é do mellorciño de Galicia”.

Horarios

A proba desenvolverase na noite do sábado 31 de setembro, entre as 21:00 horas (saída da carreira dos máis pequenos) ata as 23:15 horas, que terá lugar a entrega de premios. Os dorsais de competición recolleranse na zona da Alameda, a carón da Saída das probas, ata media hora antes do inicio de cada proba.

O Concello de Noia establece premios en metálico para os tres primeiros clasificados e tres primeiras clasificadas da proba absoluta, de 300, 175 e 125 euros, respectivamente. Así mesmo, haberá premios de 200, 100 e 75 euros para os tres primeiros clubs clasificados. Ademais, entregaranse trofeos aos 3 primeiros/as clasificados/as masculinos e femininos da proba absoluta (adultos), aos 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría estabelecida (tanto masculinos como femininos), aos 3 primeiros/as atletas locais clasificados/as da proba absoluta (tanto masculino como feminino) e aos 3 primeiros clubs da clasificación final. Os trofeos non serán acumulativos, agás o dos atletas locais. Nas categorías Chupete e Pitufo non haberá trofeos, senón que se entregarán medallas a todos os participantes.

As probas, con saída e chegada na Alameda, comezarán ás 21:00 horas (Chupetes –menores de 4 anos), que percorrerán 250 metros. Ás 21:07 horas sairán os Pitufos (nados entre 2012 e 2014), para percorrer 350 metros. As categorías Sub 10 e Sub 12 competirán xuntos ás 21:15 horas sobre unha superficie de 1 km. Finalmente, as Sub 14, Sub 16 e Sub 18 percorrerán 3 km a partir das 21:30 horas. Ás 22:00 horas está prevista a saída da proba absoluta.